A primeira ollada incítame a indagar nos dominios da semellanza, nos espazos da diferencia entre a voz do artista, a súa luz, e o ser terrestre a quen chamamos Xulio. ¿Que espellos da entidade humana, temperamento e carácter, estilo vital, de Xulio García Rivas ecoan no discurso dos seus lenzos e táboas? Sinto o asubío dunha entobada vibración eléctrica, sospeito o perfil das formas da vertixe, albisco as xeometrías tentadoras do abismo. Liñas de fuga e lóstrego, o percorrido subliminal de materias e substancias explosivas. Son significados aparentemente distantes do retrato humano que entrega Xulio, un home de natural pacífico e sereno.
Serena e pacífica, mesmo gozosa, é a natureza primeira da súa pintura, a superficie ofrecida na lámina de auga que semella devalar lene como as ondas do río no poema de Uxío Novoneyra. Pero entre as gasas e veladuras que pronuncian vontade metamórfica –non referencial- de brétema e brisa, pasa un rumbo sorpresivo de arames moi veloces a esgazar o tecido sutil dos diferentes estratos do palimpsesto, esa construción macrotextual de discursos que van tapando parcialmente a sucesión dos sentidos. Por debaixo da epiderme dalgunha das capas asoma a insinuación dun estouro de lume que agoira devastación, o bico dunha detonación de luz negra como do fondo das orixes do tempo. Xulio García Rivas traballa no equilibrio entre a pulsión da vertixe e os sedimentos do acougo, entre action painting e abstracción lírica. Así traballa tamén o universo desde o instante do primeiro trazo xestual, aquela xenialidade do Big Bang en magnífica e violenta acción expresionista que logo foi temperando a súa rabia en vagarosas pinceladas de maina xeoloxía, interrumpida con dramática frecuencia pola arroutada da ira cósmica.
Vexo na pintura de Xulio García Rivas, alén da referencia espacial inmediata da paisaxe interpretada por vía de abstracción, unha tentativa trascendente de lectura do contrapunto rítmico do cosmos, esa dinámica paradóxica da harmonía quebrada, do caos reconducido e ordenado. Acaso o diálogo de movementos contrastados na súa pintura represente tamén a manifestación de dúas facetas complementarias do ser humano a quen chamamos Xulio, o home maiormente sereno e pacífico que non evita ceibar no cadro a figura secreta da paixón abisal; o pintor sígnico, namorado dos alfabetos da estética do silencio oriental, que se entrega tamén -e no mesmo espazo onde escoitamos a pronuncia da contención minimalista- á efusión sinfónica e monumental; o arquitecto de horizontes e marcos destinados a acoutar a expansión do exceso enerxético pero disposto tamén a permitir que o magma da luz reborde os lindes.
Apunto só esta impresión da miña ollada e sei que apenas trazo un mínimo signo interpretativo sobre a superficie polisémica e singular do código expresivo de Xulio García Rivas, unha das obras máis sólidas e suxestivas do panorama plástico actual. Fican os meus ollos prendidos na páxina oceánica que tamén quere ser mar do espazo, ese azul total de trebón orixinario, violenta ledicia, abismo feliz. E calo co silencio dun signo branco de luz fantástica de Xulio.
Xosé María Álvarez Cáccamo
23, maio, 2010